A serie de animación protagonizada polo pequeno extraterrestre convértese nunha das candidatas a Mellor serie web, consolidando o seu percorrido dentro do audiovisual infantil galego.
Pipo vai de parranda aos XXIV Premios Mestre Mateo!

No universo de Pipo tamén hai motivos para celebrar! A serie protagonizada por Berta e o pequeno extraterrestre, é finalista nos XXIV Premios Mestre Mateo, competindo na categoría de Mellor serie web, un dos recoñecementos máis importantes do audiovisual galego.
Un proxecto pensado para medrar cos pequenos e pequenas da casa
Desde a súa estrea, Pipo apostou por achegar ás nenas e nenos unha historia chea de humor, curiosidade e aprendizaxe. A serie, creada por Andrés Mahía e Laura Mahía, constrúe pequenas aventuras arredor do día a día dunha familia na que irrompe un visitante moi especial: un extraterrestre que descobre o mundo humano con sorpresa, fame… e moitas ganas de experimentar.
Pensada para público infantil, a serie combina entretemento e valores educativos a través dunha linguaxe próxima e accesible. A convivencia, a amizade, o respecto polo contorno e a curiosidade polo que nos rodea forman parte das historias que viven Berta e Pipo en cada capítulo.
Animación galega que aposta pola lingua e pola creatividade
Producida por Undodez para a Televisión de Galicia, Pipo forma parte dunha nova xeración de contidos infantís en galego que contribúen á normalización da lingua entre o público máis novo. A serie reúne un equipo creativo no que participan profesionais da animación, do guión, da música e da interpretación, construíndo así un universo visual e sonoro pensado para acompañar á cativada.
A nominación chega ademais nun momento especialmente positivo para a animación galega, cun sector cada vez máis presente en festivais, plataformas e premios, demostrando a capacidade para crear contidos propios con identidade e proxección.
Agora só queda agardar á gala final dos premios, que se celebrará o 21 de marzo en Lugo, onde coñeceremos o resultado. Mentres tanto, Berta e Pipo seguen vivindo aventuras… e descubrindo que cada día pode traer algo novo.
