O pequeno extraterrestre segue viaxando por festivais e esta vez ten unha cita moi especial en Carballo.
Pipo vai de festa ao Carballo Interplay!

No universo de Pipo tamén hai novas moi emocionantes! As historias do noso marciano preferido formarán parte da programación da XIII edición do Carballo Interplay, un dos festivais de referencia en Galicia arredor da creación dixital, as novas narrativas audiovisuais e a cultura de internet.
A proxección celebrarase hoxe, xoves 16 de abril, ás 18.30 na Biblioteca Rego da Balsa, dentro da sección de actividades dirixidas á cativada. A sesión está pensada para crianzas de entre 3 e 7 anos e permitirá achegar ás familias ao universo desta produción de animación galega que continúa a consolidar o seu percorrido dentro do audiovisual infantil.
O Carballo Interplay, un punto de encontro da creación dixital
O Carballo Interplay é un festival pioneiro dedicado á cultura dixital, as webseries e as novas formas de narrar en internet. A súa programación combina proxeccións, actividades formativas, encontros e experiencias pensadas para todos os públicos.
Nesta nova edición, que se celebra do 16 ao 19 de abril en Carballo, o festival reforza tamén o seu espazo para o público infantil, achegando propostas como Pipo a novas xeracións de espectadores e espectadoras.
E así, entre pantallas, curiosidade e moitas ganas de descubrir, Pipo segue sumando aventuras… e levando as súas trasnadas cada vez máis lonxe!
