Pipo ten unha idea… e Berta un pequeno problema

Pipo ten unha idea para solucionar un pequeno problema, aínda que o resultado non será exactamente o esperado.

Mocos está aprendendo a debuxar e ten un caderno perfecto para practicar. O problema é que un pequeno despiste fai que o seu debuxo acabe na parede. O de pintar sobre o branco foi unha explicación un tanto ambigua… Mentres Berta intenta descubrir como pode quitar a mancha, Pipo cavila outra solución antes de que chegue Mamá.

A cousa non é tan sinxela como parecía. Por máis que o intenta, Berta non consegue facer desaparecer a pintura. E entón Pipo asegura que el pode solucionar o problema. Só necesita sete segundos e medio para conseguir que ninguén note que ese debuxo é de Mocos. Berta, que xa non sabe moi ben que facer, decide deixalo probar.

Pero claro… cando Pipo ten unha idea, nunca se sabe como pode acabar.

Cando chega Mamá, Berta intenta distraela, pero hai cousas que son difíciles de agochar. En lugar de borrar o debuxo, o pequeno marciano decide repetir exactamente o mesmo unha e outra vez. E outra. E outra máis. Ata converter as paredes de toda a sala nun enorme patrón cheo de debuxos.

Conseguirá Berta explicar esta pequena escachifeira? E, sobre todo, que dirá Mamá cando descubra a nova decoración da casa?

Non perdades o capítulo 11 de Pipo!