‘Pipo’ recibe o Premio Deleite á promoción da lingua no marco dos XXIV Mestre Mateo!

O pequeno extraterrestre foi recoñecido cun premio que celebra a creación de contidos en galego para nenos e nenas. Pipo e Berta non poden estar máis contentos!

Ás veces, nenas e nenos que medran escoitando galego cambian de idioma ao chegar ao cole ou co paso dos anos, simplemente porque non teñen moitos exemplos ao seu redor que tamén falen na nosa lingua. Para algunhas crianzas, escoitar galego pode resultarlles curioso ou pouco habitual, e outras veces aprenden a xogar e contar historias en castelán porque non hai tanta variedade de contidos en galego para a cativada. Por iso é tan importante ofrecer propostas divertidas e próximas que permitan aos nenos e nenas ver, usar e gozar da nosa lingua e cultura.

Neste camiño, o noso pequeno marciano tamén ten a súa misión. 

Hai días que chegan con sorpresas… e o pasado venres 6 de marzo foi un deles: ‘Pipo’, a serie de animación infantil, foi recoñecida co Premio Deleite á promoción da lingua, un galardón que celebra proxectos que achegan o galego ás primeiras idades dun xeito natural, creativo e divertido. Cada capítulo é unha pequena aventura na que Berta e o seu amigo extraterrestre descubren o mundo, xogan, ríen e, sobre todo, serven de referentes aos máis pequenos e pequenas da casa. 

Para Pipo, falar galego non é complicado: basta mirar o mundo con curiosidade, facer preguntas e non ter medo de probar cousas novas. E para nós tamén! Porque se un marciano doutra galaxia pode aprender a nosa lingua… como non imos poder nós?

Mentres esperamos á gala do 21 de marzo en Lugo, Berta e Pipo seguen explorando e aprendendo en cada aventura.