Pipo está de volta!

Pipo e Berta regresan con novas aventuras… e o pequeno marciano aínda ten moitas cousas por descubrir.

Despois de todo o que lle pasou desde que aterrou no xardín de Berta, o pequeno marciano aínda ten moitas cousas que descubrir sobre o planeta Terra. E, por suposto, tamén moitas preguntas que facer!

Esta vez, Pipo quere ir á escola, probar un patinete e descubrir se unha piscina pode ser tan divertida como parece. Tamén terá que descubrir que pasa cando alguén perde un dente, por que os humanos choramos, que é exactamente iso da intelixencia artificial ou como se celebra o Samaín. Hai tantas cousas novas que aprender que Pipo non vai ter tempo para aburrirse!

E Berta? Pois seguirá acompañándoo en todas estas aventuras. Ás veces terá que explicarlle como funcionan as cousas e outras… será mellor que non lle dea demasiadas ideas. Porque xa sabemos que cando Pipo decide facer algo, pode pasar practicamente calquera cousa.

As novas aventuras están cheas de humor, curiosidade e pequenos descubrimentos, deses que fan que unha cousa tan normal como ir á escola, preparar unha merenda ou tocar a frauta se converta en algo completamente novo. É que aínda que non o pareza, Pipo non leva tanto tempo na Terra e aínda ten moito que aprender dos humanos.

A segunda tempada xa está aquí e trae novos capítulos, novas aventuras e moitas cousas por descubrir. Así que preparade ben os ollos, as orellas e, sobre todo, a imaxinación.

Calquera día pode converterse nunha aventura! Xa podes ver a segunda tempada en Xabarín.gal.