Os talentos ocultos de Pipo

Pipo descobre os malabares… e tamén que non todo serve para practicar.

Despois de ver a un pallaso na televisión, Pipo queda fascinado cunha cousa moi concreta: facer malabares. Iso de lanzar obxectos ao aire e recollelos parécelle o mellor invento da Terra, así que decide poñerse a practicar de inmediato.

Como sempre, Berta tenta axudalo a facer as cousas ben. E ao principio, parece que non vai nada mal: Pipo comeza practicando con laranxas, colléndolles o truco pouco a pouco e demostrando que, cando quere, pode ser todo un artista. Pero claro… estamos falando de Pipo. E cando algo lle sae ben, sempre quere ir un paso máis alá.

O problema chega cando decide cambiar as laranxas por obxectos ‘máis interesantes’. Entre eles, nada menos que o xarrón favorito de Mamá. O que pasa despois… é fácil de imaxinar. Ou non tanto. Porque se hai algo que xa sabemos do noso marciano é que sempre garda algún talento inesperado. E desta vez non só sorprende polos seus malabares, senón tamén por unha habilidade bastante… peculiar.

Queredes ver como remata todo isto?
Non perdades o cuarto capítulo de Pipo.