O mellor día da vida de Berta

Ás veces un día pode empezar fatal… e rematar sendo inesquecible. No primeiro capítulo de ‘Pipo’, Berta descobre que as sorpresas poden caer do ceo cando menos o esperas.

Hai mañás nas que todo sae ao revés. Na escola nada vai ben, na casa tampouco, e por riba comeza a chover xusto cando máis ganas tiñas de xogar no patio. Berta está convencida de que ese é, sen dúbida, un dos peores días da súa vida.

Pero, de súpeto… plaf! Algo cae do ceo e aterra no xardín. Algo pequeno. Algo azul. Algo moi, moi raro.

Así é como Berta coñece a Pipo. Un marciano curioso, falangueiro e un pouco lambón que non entende moi ben como funcionan as cousas na Terra… pero que está disposto a descubrilo todo. O que parecía un día gris convértese nun día cheo de preguntas e momentos sorprendentes.

Ás veces, abonda con mirar as cousas como Pipo: do revés!

Queredes ver como comeza esta amizade tan especial? Non perdades o primeiro capítulo de Pipo.