E se puideses ter un pequeno marciano na casa? Con esta manualidade, poderás crear o teu propio Pipo e vivir novas aventuras cada día.
Fai o teu propio Pipo!

Ter a Pipo na casa ten que ser algo divertidísimo. Nunca sabes que vai facer, nin como vai reaccionar… cada día é unha sorpresa! E ti, imaxinas como sería ter o teu propio Pipo? Pois temos unha boa nova: se non o imaxinas… podes facelo!
Hoxe propoñémosche unha manualidade moi especial para estes días de vacacións: crear o teu propio marciano peludiño, suave e sorrinte, listo para acompañarte en todas as túas aventuras.
Que materiais necesitas?
- Cartón (para facer a forma do pompón)
- Lá (azul… ou da cor que ti imaxines que hai no planeta de Pipo!)
- Ollos saltóns autoadhesivos
- Cartón ou cartulina (para o sorriso e os pés)
- Tesoiras
- Pegamento ou pistola de silicona (con axuda dunha persoa adulta)
Como facemos o noso Pipo?
- Prepara a base: debuxa dúas formas redondas en cartón (coma dous donuts) e recórtaas. Esta será a base para facer o pompón.
- Envolve a lá: coloca as dúas pezas xuntas e comeza a pasar a lá arredor delas, unha e outra vez… canta máis lá uses, máis peludiño será o teu Pipo!


- Corta e dá forma: cando estea ben cheo, corta a lá polos bordes (pide axuda se fai falta). Logo, pasa un fío polo medio, átao ben forte… e xa tes o teu pompón!



- A peitear ese marciano! Recorta un pouco a lá para darlle forma redondiña. Pipo ten que quedar suave, esponxoso e listo para sorrir!
- Engade os detalles: pega os ollos saltóns e crea o seu gran sorriso cun anaco de cartulina. Se queres, tamén lle podes facer pés… ou o que ti imaxines!

E xa está! Xa tes o teu propio Pipo listo para vivir mil aventuras contigo.
Podes levalo contigo, inventar historias, poñerlle voz… ou incluso facerlle amigos doutros planetas! Porque, como xa sabes, a vida está chea de sorpresas… e con Pipo, moitas máis.
