E se tes que aprenderlle todo a un marciano?

Cando Pipo chegou á Terra, nada volveu ser igual! Un día normal pode converterse na mellor das aventuras cando cae do ceo un marciano.

Hai días nos que todo parece ir un pouco torcido. Iso pensaba Berta unha mañá calquera, sen imaxinar que estaba a piques de vivir algo extraordinario. No patio da súa casa, entre o cotián e o inesperado, apareceu Pipo: un pequeno extraterrestre chegado doutra parte da galaxia, curioso, ruidoso e con moita fame… moitísima fame!

Desde ese momento, a vida de Berta cambia para sempre. Pipo queda a vivir na casa, aprende pouco a pouco como funcionan as cousas na Terra e observa todo cunha mestura de sorpresa e entusiasmo. Lavar os dentes, almorzar, regar as plantas ou debuxar convértense en auténticas aventuras cando se miran cos seus ollos.

Na familia, cada quen vive a chegada de Pipo ao seu xeito. Mamá intenta que todo siga unha certa orde, Mocos atopa un novo compañeiro de trasnadas e Berta descobre que ter un amigo tan diferente tamén pode ser marabilloso. Porque Pipo non só come cousas imposibles ou fai malabarismos inesperados: tamén garda segredos e habilidades que irán aparecendo pouco a pouco.

Así, conta pequenas historias do día a día vistas desde a curiosidade e a imaxinación. Capítulos curtos para os pequerrechos da casa, nos que se fala da amizade, do descubrimento do mundo e de aprender xuntos. Porque ás veces non fai falla viaxar moi lonxe para vivir unha gran aventura… chega con mirar o que nos rodea con outros ollos.

A serie ‘Pipo’, está producida por Undodez para a Televisión de Galicia, e os dez primeiros capítulos están dispoñibles en xabarin.gal, unha primeira temporada pensada para nenos de entre 5 e 8 anos, que trae consigo todo tipo de trasnadas.